martes, 4 de febrero de 2014

"Enfermidades do aparato respiratorio"

Cancro de pulmón
Que é?

O cancro de pulmón representa a primeira causa de morte por cancro. Cando se diagnostican, o 50% dos cancros son metastásicos, e só o 20% están localizados. Aínda así, nestes últimos, a supervivencia para ambos os dous sexos é dun 40% aos 5 anos.

Cabe destacar que o 90% son tumores malignos.

En función das características das células que orixinan o tumor, clasifícanse en diferentes tipos, que son, en orde de frecuencia:

Carcinoma escamoso

Adenocarcinoma

Carcinoma de células pequenas

Carcinoma de células grandes

O carcinoma epidermoide e o carcinoma de células pequenas adoitan presentarse como masa central mentres que o adenocarcinoma e o carcinoma de células grandes adoitan facelo como unha masa ou un nódulo periférico.

O adenocarcinoma tamén pode asentarse sobre cicatrices pulmonares e é o que menos relación ten co tabaco.

O carcinoma de células pequenas é o de peor prognóstico.
Como se produce

O tabaco é o factor máis importante para desenvolver un cancro de pulmón.

Un fumador de 20-25 cig/día ten un risco 20 veces maior de sufrir un cancro de pulmón que unha persoa non fumadora.

Na Enquisa Nacional de Saúde 2003 en España, a última publicada, un 30,97% da poboación entre 15 e 64 anos é fumadora (37,56% en homes e 24,7% en mulleres). De forma aproximada, 1 de cada 3 persoas é fumadora.

O consumo de tabaco reduce a esperanza de vida nuns 10 anos.

Do mesmo xeito que o tabaco é o factor máis importante para desenvolver un cancro de pulmón, estableceuse tamén a relación entre o tabaco e moitas outras enfermidades como: neoplasias malignas (orofarinxe, larinxe, vexiga, esófago, ril, páncreas e cérvix), enfermidade cardiovascular, úlcera gastroduodenal, aumento do risco de embarazo extrauterino e diminución da fertilidade, así como o envellecemento cutáneo prematuro.

Ao deixar de fumar diminúese o risco de desenvolver un cancro de pulmón, aproximándose o risco aos 15 anos do abandono do tabaco ao dos non fumadores, pero nunca se chega a igualar.

Hoxe en día, a única prevención para o cancro de pulmón é o abandono do tabaco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario